- A alcaldesa reuniuse co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para analizar a posibilidade de utilizar a planta baixa do centro como patio interior, ou a instalación dunha cuberta en todo o patio exterior que protexa aos nenos da chuvia e do sol
- Perfecto Rodríguez comprometeuse a enviar a técnicos da Xunta ás instalacións para estudar as demandas que lle formulou Pichel, entre as que tamén está a instalación de aire acondicionado.
A alcaldesa do Concello de Forcarei, Verónica Pichel, demandou á Xunta de Galicia a habilitación de espazos de recreo axeitados e confortables para as nenas e nenos da escola infantil de Forcarei, dependente da rede galega que xestiona a administración autonómica.
Pichel reuniuse onte en Santiago de Compostela co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para trasladarlle esta e outras peticións das familias usuarias destas instalacións.
Concretamente, a alcaldesa reclamou a colocación dunha cuberta en todo o patio exterior e no percorrido de acceso ao mesmo dende a entrada principal da escola para favorecer que os nenos poidan utilizar esta área ao aire libre tanto en días de chuvia, para evitar que se mollen, como en días de moito sol, tendo unha zona de xogos con sombra. A outra alternativa formulada, e que o xerente comprometeuse a estudar, é a poder utilizar a planta baixa da escola infantil como patio cuberto. No seu día, cando se creou o centro, a administración non permitira usar este espazo como aula porque a altura non se adaptaba á normativa por apenas uns centímetros.
“No concello de Forcarei temos días con condicións extremas. Cando chove as nenas e nenos non poden saír da aula porque non teñen unha zona de xogos cuberta que lles permita cambiar de ambiente, e en días de moito sol tampouco poden estar no exterior porque non hai zona de sombra”, explicou Pichel.
Pola súa banda, Rodríguez comprometeuse a enviar técnicos da Xunta nas próximas semanas para valorar a execución destas e outras solicitudes formuladas por Pichel. No caso de que a Administración autonómica permitise a realización das mesmas, sería o Concello o que executase as obras, financiándoas con cargo ás liquidacións das cantidades que o Concello ten que pagar anualmente ao Consorcio polo funcionamento da escola infantil.
A alcaldesa reclamou tamén outras melloras que lle trasladaron as familias, como a necesidade de instalar aire acondicionado, pois nos meses máis cálidos os cativos teñen que soportar temperaturas moi altas, unha cuberta para a rampla de acceso á escola, a mellora ou substitución da sinalización do centro, o cambio da porta de entrada ou arranxos de humidades, entre outras.