Emocionate coa cultura
O patrimonio cultural do concello de Forcarei ven vencellado a unha historia milenaria onde os dolmens, mámoas, castros e restos da romanización dan conta da ocupación destas terras.
Tamén está comprobada a presencia do reino Suevo, como demostran parte dos topónimos da contorna, entre eles o nome de Forcarei. Durante o reinado do suevo Miro, no ano 569, hai documentos que constatan que Forcarei era territorio pertencente á sede de Iria Flavia. Durante esa época os habitantes das terras de Forcarei integrábanse no grupo dos Metacios, e albergaban no seu territorio ós poboadores máis antigos da zona.
No ano 874 o territorio de Forcarei pasou a ser enfeudado por doazón de Alfonso III á sede iriense pero non se concluíu a total adscrición a esta sede ata as doazóns da raíña dona Urraca ó arcebispo Xelmírez entre os anos 1.110 e 1.115. No ano 1135 foi fundado o Mosteiro de Aciveiro polos monxes benedictinos que previamente se asentaron na Serra do Candán e que provocaría un desenvolvemento socioeconómico e cultural moi relevante do que perdura como testemuña as Neveiras de Fixó, do século XVII, onde as persoas visitantes poden descubrir a industria máis potente do xeo existente en Galicia e gozar dos miradoiros desta zona montañosa de gran valor ambiental.
O Mosteiro de Aciveiro é unhas das mostras senlleiras do románico na provincia de Pontevedra e o seu emprazamento no corazón da Serra do Candán o convirte nunha visita obrigada a Forcarei e á Terra de Montes.
E para coñecer a nosa historia tamén hai que visitar a Torre Alarma de Barciela (BIC) que é unha construción do século XV situada no igrexario de Santa Mariña de Castrelo (século XVI) e consta de tres corpos, o primeiro rectangular cunha hornacina, o segundo con plataforma destinada a encender lume como sinal luminosa e albergar campás como sinal acústica e o terceiro un pequeno frontis que antigamente albergaba un pináculo. Desde a Torre convocábase á veciñanza da zona ao culto e ás xuntas xerais de montes, así como alarma si se detectaba a incursión de bandas de asaltantes, sobre todo durante as guerras carlistas.
Para adentrarse na cultura e etnografía popular o concello alberga albarizas (Pereira, Graña de Trasdomonte e Aciveiro) e pontes singulares como é o caso de Ponte Gomail no Camiño dos Arrieiros, a Ponte de Andón (Aciveiro) ou a Ponte da Bouzada (Vilapouca) onde a artesanía e bo facer dos canteiros da Terra de Montes se amosa nestas construcións creadas para os oficios de moita tradición como os arrieiros e a cerería.
PATRIMONIO INMATERIAL de Forcarei
O patrimonio inmaterial é aquel que se transmite de xeración en xeración e forma parte da identidade dun pobo e no caso de Forcarei contamos con importantes figuras que situaron estas terras e os seus modos de vida no mundo desde o punto de vista cultural. O principal expoñente de Forcarei e de Galicia é Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo, faro da música tradicional galega e nomeado o mellor Gaiteiro de Galicia tal e como recolleu Castelao na súa crónica de 1924 e caricatura deste artista senlleiro.
Desde o ano 2010 a Festa do Gaiteiro de Soutelo, que se celebra no sábado posterior ao 16 de agosto (festa de San Roque) é festa de interese turístico galego e concentra na vila de Soutelo de Montes á veciñanza do concello e seguidores da música tradicional.
A nosa identidade e modos de vida foron retratados por Virxilio Vieitez, unha das grandes figuras españolas da fotografía do século XX e que co seu obxectivo captou de maneira excepcional o mundo rural e a emigración da nosa comarca a mediados do século XX.
Nun paseo pola Praza dos Gaiteiros de Soutelo de Montes e a súa contorna podemos descubrir a estas fascinantes personaxes nos paneis informativos alí instalados.
E no percorrido polas persoas que puxeron en valor a nosa cultura e identidade cabe destacar ao gran cineasta Chano Piñeiro moi vinculado á parroquia de Forcarei que foi a súa fonte de inspiración para as historias, personaxes e escenarios das súas laureadas películas (Mamasunción e Sempre Xonxa). Na praza do concello pódese visitar a escultura que rinde homenaxe ao artista así como información sobre esta figura senlleira do cine en Galicia.
Compre destacar a romaría dos Dolores, cunha tradición de máis de cento cincuenta anos (ó redor do derradeiro domingo de Agosto). Outra data sinalada na axenda dos forcareicenses é o 8 de setembro a romaría campestre á beira do mosteiro de Aciveiro. Tamén se celebran no municipio outras romarías como son o San Martiño (11 de novembro), o San Antonio de Garellas (13 de xuño) ou o San Xoan de Meavía (o sábado de Pascua)
Ademáis son abundantes no concello ás Festas gastronómicas, nas que os visitantes poden gozar da gastronomía local.
“A Terra de Montes ten
de todo coma en botica
bos canteiros, bos gaiteiros
e bos cregos para dicir misa”
O país dos muiños
Entre os ríos Lérez, Umia, Avia, Verdugo e Grobas temos constatada a existencia de máis de 500 muiños na terra de Montes aínda que unha parte deles se atopan en condicións ruinosas.
A densidade destas edificacións tan senlleiras permiten ó visitante atopar tres exemplares practicamente pegados nos lugares de Castrelo e Gaxín ou descubrir 18 muiños en apenas 2 km entre Salgueiro e Sorribas.
O concello de Forcarei ten afrontado algún proxecto de recuperación de muiños. Un exemplo é o muiño do Foxo Vello, que foi rehabilitado pola Escola-obradoiro Terra de Montes.
Na senda das pontes do Lérez, ó longo dos 24 km do seu percorrido o visitante pode observar un gran numero de muiños e contemplar os distintos estados nos que se conservan.
A fórmula de propiedade predominante en Montes era a do muíño de herdeiros, co 60 % aproximado. A porcentaxe de particulares estaba preto do 35%, e apenas un 5 % estaba constituído por muíños maquieiros.
SENDEIROS CON HISTORIA
Se o visitante desexa percorrer parte da historia do concello mentres goza da natureza pode realizar sendas como o Sendeiro Vreeiro. Unha ruta comercial que se xerou na Idade Media como alternativa ás rutas mais transitadas e que abrigaba ós seus transeúntes a realizar portaxes e outros impostos comerciais.
A senda das Neveiras percorre os puntos de maior interese paisaxístico do lugar de Fixó – Portela. Este enclave, datado do século XVII, era explotado polos monxes do Mosteiro de Aciveiro para o comercio de xeo, unha das actividades máis rendibles da zona e principal fonte de ingresos dos monxes.
Recunchos doutro tempo
Son numerosos os espazos forcareicenses que deixaron unha pegada pola súa importancia no tempo, moitos deles son visitables hoxe en día. As Neveiras de Fixó, nas cales o concello iniciou as obras de rehabilitación son uns recintos únicos dedicados á produción de xeo na Idade Media.
Os produtores deste xeo eran os monxes que habitaban no Mosteiro de Aciveiro, hoxe en día restaurado e declarado Monumento Histórico Artístico desde o ano 1931 e na actualidade é considerado Ben de Interese Cultural e desempeña a actividade de hospedería.
En cada recanto do municipio afloran mámoas, castros e outros xacementos arqueolóxicos. Todos catalogados e significados na Carta Arqueolóxica da provincia de Pontevedra. No Castro de As Rodeiras, por exemplo, fíxose unha escavación na que se descubriron achados tan importantes como pezas de cerámica singulares e a moa dun muíño para moer cereal.
centro etnográfico de terra de montes
O centro Etnográfico de Terra de Montes (CETMO), situado no Multiusos de Soutelo de Montes é un lugar dedicado ó estudio, conservación e divulgación do patrimonio cultural e material da comarca.
O labor do Centro é evitar que a herdanza dos nosos devanceiros sexa pasto do esquecemento e mostrar a vida cotiá da zona ata os anos sesenta do século XX, antes da cultura preindustrial.
Este museo dispón dunha colección con mais de 1200 pezas (740 expostas). As pezas expostas non teñen en si valor económico, son a testemuña dun xeito de vida.