A alcaldesa responde

Parroquia de Santa Mariña de Castrelo

Parroquia de SANTA MARIÑA DE CASTRELO

No eido arqueolóxico esta freguesía é a máis representativa do concello, xa que nela abundan os túmulos megalíticos. Só no coñecido como Campo das Antas, nas inmediacións do lugar de A Mámoa, atópanse máis de vinte enterramentos, localizados aos lados dun antigo camiño, o Vreeiro, CAMIÑO DA GEIRA E DOS ARRIEIROS, utilizado polos arrieiros para transportar o viño do Ribeiro a Compostela. Tamén teñen presencia en Tras da Serra e A Mina.

Do século XV consérvase, en bo estado, a lanzal torre de Alarma de Barciela, situada no igrexario da Mota. Posúe esta obra tres corpos, o primeiro cuadrangular e con fórnice; o segundo formado pola plataforma para emitir os sinais luminosos e albergar os ocos das campás, e o terceiro cun pequeno frontis enmarcado por unha cornixa de lousa e rematada antigamente nun pináculo que hoxe xa non conserva. A función que cumpría esta torre, que pertenceu á Torre-fortaleza do Castro de Montes, era a de convocar aos veciños, antes da construción do templo parroquial, aos actos de culto e ás xuntas xerais de Montes, que se reunían a deliberar no Campo da Granxa, ou tamén, con posterioridade, alertar á poboación das incursións das bandas facciosas que, como a do célebre Guillade, asolaban a rexión durante as Guerras Carlistas.

O templo parroquial data do século XVI, cunha posterior restauración no ano 1752, efectuada polo canteiro Manuel Cadavid e o carpinteiro Salvador Lorenzo, ambos nativos da propia parroquia. É unha igrexa regular nas proporcións, de cruz latina e presbiterio rectangular, con dúas capelas que abren senllos arcos formeiros, historiados e de medio punto, rematando a fachada en esvelta espadana de dous corpos.

No cemiterio anexo pódense ollar obras talladas por un dos mellores canteiros da Terra de Montes, Manuel López Barciela, así como sartegos de prodixiosa factura doutro bo artesán, Francisco Villaverde.

contacta coa alcaldesa

A Alcaldesa comprométese a responder nun prazo máximo de 10 días.​