Parroquia de Santa María de Dúas Igrexas
Parroquia de SANTA MARÍA DE DÚAS IGREXAS
Freguesía situada nas estribacións occidentais da serra do Candán, que conserva vestixios da cultura dolménica, en monte Penide, e da cultura castrexa, no castro de Loureiro, cun antecastro ben definido e de considerable altura nos seus muros. As lendas populares vencellan a este castro coa primitiva ponte do Crego, a onde ía bañarse a loira ninfa Loureiriña, que se lles aparecía aos que pasaban a ponte.
O templo parroquial é de nave única e campanario de dous corpos, cuadrangular o primeiro e octogonal o segundo. Canto á ábsida actual, cuadrangular tamén, foi rematada en 1724 e reproduce a forma da primitiva , románica. Os muros do edificio son lisos, de pedra concertada, e cóbrense con bóveda de complexa crucería, a imitación dá ábsida maior de Aciveiro. No seu interior consérvanse varios altares e imaxes da arte popular de notable mérito. A xénese relixiosa da freguesía foi, nun primeiro momento, a existencia de dúas igrexas moi próximas e de igual categoría, consagrada unha a San Vicente, aberta ao culto ata comezos do século XIX e derrubada posteriormente – só se salvaría unha pía bautismal e un anaco do antigo cruceiro –, e, a outra a Santa María, que é a que na actualidade está aberta ao culto.
Foi berce a parroquia de destros canteiros e artesáns, como amosa a existencia, no século XVIII, do máis relevante obradoiro de cera de toda a comarca, propiedade de Xosé Barreiro, que tiña baixo as súas ordes a máis de dez traballadores.
En Loureiro naceu o pintor Xosé María Barreiro, un dos artistas mellor valorados no actual panorama da pintura galega. Del pódense ollar distintas obras na Casa do Concello de Forcarei.