- A alcaldesa do Concello de Forcarei constatou o tirón do campamento municipal de Nadal como servizo necesario para axudar ás familias coa conciliación
- O prazo de inscrición abrirase mañá, 4 de xaneiro, e o servizo iniciarase o vindeiro 15 de xaneiro
A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, acaba de anunciar unha nova edición do servizo de Tardes de Lecer para axudar ás familias coa conciliación. Fíxoo tras unha visita ao cuarto campamento municipal de Nadal que se celebra estes días en Forcarei e Soutelo e que sumou un novo éxito de convocatoria ao atender a medio centenar de rapazas e rapaces nos dous núcleos, concretamente, 30 en Soutelo e 19 en Forcarei.
Pichel mostrouse satisfeita polo tirón que acadou este servizo nas vacacións de Nadal, un feito que, apuntou, “demóstranos que temos que seguir apostando pola conciliación e por actividades atractivas para as nenas e nenos do concello”. Neste sentido, o próximo 15 de xaneiro arrancará a nova edición das ‘Tardes de Lecer’ do Concello de Forcarei, un servizo posto en marcha para axudar ás familias con nen@s de entre tres e doce anos durante as tardes da temporada escolar.
Así, como nos cursos anteriores, ‘Tardes de Lecer’ levarase a cabo en Forcarei os luns e mércores en horario de 16.00 a 20.00 horas no salón de actos do centro social. No caso de Soutelo de Montes, as sesións celebraranse igualmente os martes e xoves, pero cambia o horario e a localización. Por petición da ANPA do CEIP de Soutelo, o servizo realizarase nas propias instalacións do colexio en horario de 15.30 a 19.30 horas.
Esta iniciativa de respiro familiar non terá ningún coste para @s usuari@s. O prazo de inscrición abrirá mañá xoves. As familias interesadas neste servizo deberán entregar a ficha de preinscrición (que poderán atopar nas oficinas do Concello e na páxina web municipal https://forcarei.gal de forma presencial ou por sede electrónica ata o 11 de xaneiro.
Terán que achegar tamén fotocopias de DNI, libro de familia ou documento que acredite a situación familiar, título de familia numerosa se é o caso, xustificante de ocupación laboral e documentación que acredite a mobilidade ao posto de traballo ou a non posibilidade de teletraballo. As familias que xa participaron en anteriores edicións de Tardes de Lecer ou do campamento de verán non terán que presentar toda esta documentación adicional, só a ficha de inscrición. Para a adxudicación das prazas terán prioridade @s empadroad@s en Forcarei e terase en conta a situación familiar das nenas e nenos: número de membros da unidade familiar, se as nais e pais traballan, etc.