Parroquia San Martiño de Forcarei
Parroquia de SAN MARTIÑO DE FORCAREI
Na freguesía que acolle a capitalidade do concello pódese ollar o templo parroquial, obra de finais do século XVIII, executada polo mestre de cantería Pedro Varela e mailo mestre asentador Pedro Gutiérrez. A súa planta é de cruz latina, pero no brazo dereito levouse a cabo unha ampliación proxectada polo arquitecto Javier García Santoro no ano 1961. A ábsida presenta forma cuadrangular e as cubertas son de bóvedas aristadas de pedra. A fachada é de estilo neoclásico, cunha porta de medio punto sobre a cal se asenta unha fórnice coa imaxe da Virxe. Do frontón partido arranca a torre do campanario, cuadrangular no primeiro corpo e octogonal no segundo, rematada nun cupuliño de nervios.
O cruceiro, que anteriormente se atopaba no centro da antiga praza e, trala remodelación desta, pasou a formar parte da escalinata que conduce á igrexa, foi realizado a finais do século XIX polo mesmo artista que construíra o do campo do mosteiro de Aciveiro, Xosé Ferreiro.
A Casa do Concello de Forcarei conforma, xunto coa igrexa de Soutelo de Montes e maila casa de estilo modernista do construtor Alfredo González Barros, os únicos exemplos de arquitectura de vangarda. Foi proxectada polo arquitecto pontevedrés César Portela-Fernández Jardón, gañador do Premio Nacional de Arquitectura no ano 1999.
A Ponte Gomaíl, entre os lugares de Gaxín e Castrelo, é outro dos exemplos de bo facer dos demiúrgos da pedra, os canteiros de Montes, que a encetaron no século XV nunha fermosa e atraente paraxe na que o río Lérez se despide das terras forcaricenses. Encrávase nun camiño que nunha das súas bifurcacións ía dar á antiga Vía Strata (orixe do veciño concello da Estrada), e ten uns quince metros de longo e dous cincuenta de ancho. O arco principal, lixeiramente apuntado como corresponde ao estilo marcado no seu tempo, é de lousa colocada admirablemente en chapacuña, asentada sobre fortes baseamentos no leito do río. Garda un perfecto equilibrio coa contorna do Lérez e das árbores que a arroupan, constituíndo un emprazamento inmellorable para gozar da natureza. Ponte Gomail é paso obrigado para todos os peregrinos que van cara Santiago de Compostela a través dos camiños que atravesan o concello.
Outro dos lugares que sempre recomendamos é Freixa de Chamosa en Forcarei. É un deses sitios cos que te impregnarás da maxia de concello. Unha “ freixa” é unha das numerosas formas de denominar unha fervenza en Galicia. E aquí na Chamosa temos un pequeno río precipitándose por un estreito val e formando varias fervenzas de diferentes tamaños.
Á fervenza da Freixa da Chamosa atópase moi preto de Forcarei e chegaremos andando desde a localidade da Chamosa. Desde alí teremos sinalizado o camiño que nos levará ata o Rego de Sorribas e a confluencia con outro arroio que baixa desde A Mámoa e que é o que forma as fervenzas e daba vida aos muíños.
A zona das fervenzas e muíños da Chamosa de Forcarei emprázanse dentro dun espazo Rede Natura 2000.