A alcaldesa responde

Parroquia de Santa María de Madanela

Parroquia de Santa Maria Madalena

Esta parroquia conta tamén cunha importante riqueza arqueolóxica, da que cabe salientar o castro de Sanguñedo, de forma case elíptica e con fortificacións anexas de considerable tamaño. Da Madanela tamén proceden dous urcéolos de época romana que se conservan no Museo de Pontevedra e nun dos cales figura a inscrición epigráfica AQUILI / DLT. Existen ademais restos dunha necrópole no lugar coñecido como a Braña dos Mouros, onde apareceron tégulas e laxas de pedra traballada e un importante Campo de Mámoas no Carrascal a beira do Camiño Real.

De notable interese resulta tamén a igrexa parroquial, obra de vangarda legada polo talante altruísta do construtor Alfredo González Barros, que posuía unha casa de estilo modernista inspirado en Gaudí no mesmo pobo de Soutelo de Montes, erguida no ano 1931 por Manuel González Barros, coa curiosa característica de te-los azulexos elaborados a man un a un por artesáns portugueses nos anos 30.

O CETMO ou Centro Etnográfico da Terra de Montes, promovido pola familia González Ruibal acolle unha colección de pezas senlleiras da vida doméstica, os oficios, a labranza e a emigración na Terra de Montes que tan ben inmortalizou o fotógrafo Virxilio Vieitez considerado un dos principais fotógrafos españois do século XX.

Non se pode esquecer, na visita a Soutelo de Montes, o monumento ós Gaiteiros e nomeadamente a Avelino Cachafeiro Bugallo sito na praza tamén consagrada á súa lembranza, no centro do núcleo urbano, en fronte do Parque Venezuela, onde se pode ollar un mapa da Terra de Montes tallado en pedra pola Escola de Canteiros así como os petos de ánimas da Praza da Constitución e na Praza dos Gaiteiros, ambos do século XIX.

En Tras do Monte, está o Miradoiro do Castelo e xa no lugar de A Graña, atópase a fervenza da Graña nun entorno no que se empraza unha presa e un antigo pantano así como unha alvariza nunha das ladeiras.

E como non, o circuíto de Karting da Madalena, un lugar no que gozar do motor.

contacta coa alcaldesa

A Alcaldesa comprométese a responder nun prazo máximo de 10 días.​