Parroquia San Mamede de Millerada
Parroquia de SAN MAMEDE DE MILLERADA
Existen dous castros ben conservados en Millerada, o castro das Rodeiras, nas inmediacións de Garellas, que aínda posúe as defensas en todo o recinto e no que se descubriron restos de primitivas vivendas, e o castro da Mouteira, en Fixó, de forma circular, con foso e antecastro.
A igrexa parroquial é quizais a máis fermosa de Terra de Montes. Presenta planta de cruz latina e ábsida rectangular, cos brazos a distinta altura que o corpo principal. A fachada está conformada por un primeiro corpo rematado en golas cun pequeno pináculo en cada unha delas, e o campanario armado en tres corpos, cuadrangular o primeiro, hexagonal o segundo, con arcos peraltados ámbolos dous, e o terceiro que forma un cupuliño hexagonal de cascarón. No seu interior destaca a capela dos Remedios, que presenta un fermoso retablo de principios do século XVIII, digno representante da escola barroca popular, obra do artista Felipe García, con ornamentación a base de grilandas, flores, follas e froitos. Tamén atoparemos unha bela imaxe da Virxe do escultor compostelán Rodeiro Seoane, e o escudo de armas da familia Soto-Varela e Ogando, a cal pertencía ao derradeiro dos Xuíces-meriños e primeiro Alcalde de Forcarei, don Alonso de Soto Cortés, nacido no pazo de Hermosende, único exemplo de arquitectura señorial do concello, do ano 1711.
Neste pazo, durante a invasión do exército napoleónico, mandou gardar Frei Felipe Serrano o chamado “Tumbo Grande”, verdadeira reliquia documental por ser o único material que se salvou da biblioteca cenobial dos incendios e da rapina francesa. No cemiterio atópase unha fermosa imaxe do Corazón de María, entre dúas columnas salomónicas, talladas por un dos meirandes canteiros da comarca, Manuel Doval Cadavid.
As Neveiras de Fixó (ficha recollida individualmente) son un dos elementos ou recursos patrimoniais mais relevantes desta parroquia . Situadas a 800 metros de altitude, vincúlanse co mosteiro de Aciveiro. Son dúas grandes pozas que teñen catro metros de profundidade e unha anchura de seis metros. Consérvase a casa do Neveiro, responsable da venda de xeo, a súa contabilidade e mantemento das construcións. O xeo era utilizado para a conservación da carne, arrefriar bebidas e usos medicinais.
Durante a época invernal recollíase e prensaba a neve e protexíase con palla e madeiras. O comercio desta supoñía a principal fonte de ingreso do mosteiro.
Tamén podemos facer referencia a un monumento megalítico como a Mámoa de Rofete. Mámoa sen ortostatos consistente nunha coraza de cachotería sobre unha cubrición de terra. A mámoa foi seccionada pola metade pola construción dun corta-lumes.
Na mesma parroquia érguense dúas capelas tamén de certo interese, a de San Antonio de Garellas unha das máis antigas do concello, de 1678 e emprazada a poucos metros do Castro de Garellas e a dos Milagros de Vilariño.