Parroquia San Nicolás de Ventoxo
Parroquia de SAN NICOLAS DE VENTOXO
A freguesía de Ventoxo é a que conta con menos entidades de poboación, xa que a ela só pertencen os lugares de Ventoxo e Fontenla. A súa igrexa foi erguida no século XVII, e consta que nela traballou un mestre de arquitectura tudense chamado Amaro Guerrero, que tamén traballaría posteriormente en Presqueiras e Folgoso. O cruceiro e algúns hórreos anexos ás vellas casas de labranza son dun atractivo digno de ter en conta.
Na parroquia de San Nicolás de Ventoxo, no discorrer do río, atópase a antiga ponte da Bouzada ou Ponte Vella de comezos do século XVIII e podíanse atopar ata oito muíños. Agora mesmo destes oito, só quedan catro que son o Muíño de baixo, Muíño do Chocolateiro, Muíño da Chousa e Muíño do Rato. Os catro que faltan eran o Muíño do Candal, Muíño de Vilapouca, Muíño Da cal e Muíño do Cagote, todos eles destruídos en recentes arriadas.