Parroquia San Xoán de Meavía
Parroquia de Meavía
Presenta restos arqueolóxicos esta parroquia nunha zona coñecida como a Mámoa de Boi Morto, nos límites cos concellos da Estrada e Silleda.
Ademais, consérvanse vestixios dunha vía secundaria romana.
O templo parroquial presenta planta de salón e cuberta a dúas augas. Conserva, da primitiva igrexa, unha cruz antefixa e un cruceiro do século XVIII. Aínda que en ruínas, é digna de contemplación unha suxestiva ermida illada no bosque ao pé do antigo camiño Vreeiro, o que utilizaban os arrieiros do viño para porta-los odres do Ribeiro ata Compostela. É a ermida de San Amaro, que conserva nas súas paredes restos de pintura mural.
A Lagoa Sacra, no lugar de Valadares e tamén no límite coas terras estradenses e de Silleda, é outro dos atractivos da freguesía, a uns 700 metros de altura sobre o nivel do mar. Espazo protexido dentro da Rede Natura. Ao mesmo tempo é Lugar de Interese Ornitolóxico dentro do complexo das Brañas de Xestoso.
É unha zona extensa de monte baixo e prados húmidos con interesantes brañas. A fauna existente componse dunha variada representación de anfibios e réptiles. Tamén se poden atopar aguiachos, falcóns, aguias brancas e trigueiros; ademais de mamíferos coma raposos e lobos.