Parroquia Santiago de Pardesoa
Parroquia de Santiago de Pardesoa
Nesta freguesía consérvanse vestixios da cultura dolménica no monte Costoia, un dos cumes máis elevados do concello. Nel foron achados un ídolo de pedra e unha machadiña de pedra pulida. Preto do Costoia están os restos dunha antiga neveira vinculada ao Mosteiro de Aciveiro
As primeiras referencias documentais coñecidas da parroquia datan de 1246, ano no que un cabaleiro chamado García Peláez dona ó mosteiro de Aciveiro varias herdades en Parada, Barcia e Pardesoa.
O templo de Pardesoa conserva o seu corpo orixinal, de finais do século XV, pero foi obxecto de varias reformas, entre elas a do ano 1625, realizada polos mestres Xoán de Cadavide e Bartolomé Piñeiro, que traballaron na capela maior e na sancristía, e unha posterior revisión que foi efectuada por Pedro de Barro e Andrés García. A actual fachada data de 1822 e foi executada por mestres da propia parroquia, constando de tres corpos: o primeiro, no que figura a portada alintelada sobre a que se sitúan unha pequena xanela circular e unha fórnice coa imaxe da Virxe; o segundo, con dous arcos peraltados que albergan senllas campás, e o terceiro, un pequeno frontón de liñas onduladas e rematado en tres pináculos.
Ademais do templo parroquial esta freguesía conta con dúas capelas, unha en San Marcos, do século XVII e outra no lugar de Fixó, do século XVIII, así como un importante número de cruceiros.
Aquí naceu, no primeiro tercio do século XVI, Diego de Cana, un dos mellores gaiteiros desta terra, da que tantos e tan sobranceiros artistas da gaita xurdiron para facer ás romarías de Montes das máis sonadas.