Parroquia San Bartolomeu de Pereira
Parroquia de SAN BARTOLOMEU DE PEREIRA
Nesta parroquia nace o río Umia, nas proximidades do lugar de Reigosa. Presenta varias mámoas nas inmediacións do lugar de Muras, onde tamén se atopa un dos castros mellor conservados. Á beira del localízase unha capeliña rústica do século XVIII, de moi pequenas dimensións. A igrexa parroquial, do século XVII, ofrece unha achada barroca, semellante á da igrexa de Millerada, salvando as diferencias de tamaño, e coroada por unha espadana cuadrangular de tipo cisterciense. No seu interior aínda garda unha pía bautismal románica do século XIII, decorada con cruces latinas, flores de lis e figuras xeométricas. Consérvase tamén unha imaxe barroca da Virxe, do século XVII. No cemiterio pódense ollar tallas dos mestres canteiros Manuel Villaverde Viéitez e Manuel López Barciela, os dous de Aciveiro.
Nesta parroquia atopamos unha das alvarizas que aínda se encontran en un bo estado. As alvarizas son construcións tradicionais cuxo obxectivo era protexer as colmeas e o prezado mel dos depredadores, sobre todo do oso que ata o século XIX poboaba estas terras. Esta de Pereira ten forma rectangular e unhas dimensións que alcanzan os 17 metros por 10 de ancho. Os seus muros alcanzan unha altura no seu exterior de dous metros nalgúns puntos e no seu interior alcanzan os catro metros. A súa porta oriéntase ao nacente aínda que o seu acceso non é posible por ser unha propiedade privada.