- O prazo para inscribirse ábrese o vindeiro luns, 11 de decembro
- As actividades celebrarase do 22 de decembro ao 5 de xaneiro e están dirixidas a nenas e nenos de 3 a 12 anos de idade
O vindeiro 22 de decembro arrancará unha nova edición do Campamento de Nadal municipal. O goberno de Verónica Pichel decidiu volver poñer en marcha este servizo para axudar ás familias coa conciliación durante o próximo período de vacacións escolares e para ofrecer ás pequenas e pequenos unha alternativa de ocio moi divertida.
As nenas e nenos de 3 a 12 anos poderán gozar de dúas semanas repletas de atractivas actividades durante as mañás. Ao igual que nas anteriores edicións, este campamento será gratuíto para as familias e celebrarase en dous lugares: en Forcarei (no salón de actos do centro social) e en Soutelo de Montes (nas instalacións do auditorio). Concretamente, o período do campamento abrangue dende o venres 22 de decembro ata o 5 de xaneiro, de luns a venres (excepto festivos) e en horario de 9.00 a 14.00 horas.
As familias interesadas en solicitar este servizo poderán realizar a inscrición a partir do próximo luns, do 11 ao 18 decembro, nas oficinais xerais do Concello. As prazas son limitadas e os grupos deberán ter un mínimo de 12 nen@s.
Deberán cubrir unha instancia dispoñible nas oficinas do Concello. Terán que entregar tamén fotocopias de DNI, libro de familia ou documento que acredite a situación familiar, título de familia numerosa se é o caso, xustificante de ocupación laboral e documentación que acredite a mobilidade ao posto de traballo ou a non posibilidade de teletraballo. As familias que xa participaron en anteriores edicións do campamento ou no Campamento de Verán non terán que presentar toda esta documentación adicional, só a instancia. Para a adxudicación das prazas terán prioridade @s empadroad@s en Forcarei e terase en conta a situación familiar das nenas e nenos: número de membros da unidade familiar, se as nais e pais traballan, etc.
A alcaldesa, Verónica Pichel, confía en que se cubrirán todas as prazas do campamento. “As nenas e nenos sempre o pasan xenial nos obradoiros, xogos, excursións, na súa propia festa de fin de ano… e as familias poden estar tranquilas sen ter que facer malabares para poder conciliar nestas datas”, salientou.