A alcaldesa responde

Un cento de familias forcaricenses xa poden compostar na casa

Forcarei (15-10-21).  O Concello de Forcarei acaba de iniciar a entrega e reparto dos composteiros adquiridos no marco da campaña municipal ‘Sementamos Vida’ e un centenar de familias da localidade xa poden compostar nas súas casas. O salón de actos da casa consistorial e a biblioteca de Soutelo acolleron novas xornadas formativas nas que as persoas que solicitaron participar neste proxecto puideron coñecer de primeira man como se monta o composteiro e as necesidades básicas sobre a localización e o uso do  mesmo nas vivendas.

A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, constatou o enorme éxito que está a ter esta iniciativa na localidade, pois os composteiros dispoñibles esgotáronse en só uns días. De feito, o Concello xa xestionou a través de Sogama a achega de novas unidades para entregar ás familias que quedaron en lista de agarda. “As veciñas e veciños responderon dun xeito moi positivo a esta campaña e é moi gratificante poder axudar para que aprendan a compostar na casa cos beneficios ambientais que isto implica”, comentou.

O goberno local inviste neste proxecto un total de 14.501,15 euros (IVE incluído). Ademais da compra dos 100 composteiros domésticos, a campaña inclúe a captación de familias voluntarias, accións de sensibilización, formación para participantes e seguimento de todo o plan. A formación abrangue cuestións como a correcta localización do composteiro, o control dos parámetros ambientais que inflúen no proceso ou a relación de refugallos que deben depositarse no contedor, entre outras cuestións.

Durante as xornadas formativas, todas as persoas recibiron tamén un manual no que se explican os beneficios e todo o proceso de compostaxe ata obter o compost, despois de polo menos tres meses, un material que se poderá utilizar como fertilizante para a terra. A guía inclúe tamén o listado de produtos que se poden botar nos composteiros e os que se deben evitar, así como un apartado de dúbidas frecuentes, entre outras cuestións.

POR QUE SE DEBEN COMPOSTAR OS RESTOS ORGÁNICOS?

Algo máis da metade dos residuos que se xeran no fogar están compostos por restos de comida e restos vexetais de poda e de horta. Toda esta materia orgánica pode ser reciclada sen saír de casa cun mínimo esforzo e cos numerosos beneficios dende o punto de vista ambiental, social e económico que isto conleva.

Se o residuo non sae da casa xa non será necesario recollelo nin transportalo ata o punto de xestión, almacenalo e finalmente reciclalo. Afórranse emisións de CO2 do transporte e tratamento e o propio custo de xestionalo. Por outro lado, o produto final que se obtén é un fertilizante natural de excelente calidade con propiedades que melloran o solo evitando a compra e uso doutros produtos químicos.

Os residuos orgánicos poden ser un grave problema medioambiental se non se xestionan correctamente. A súa descomposición sen control produce lixiviados (líquidos cunha alta concentración de materia orgánica) que contaminan solos, ríos e acuíferos, e emiten gases de efecto invernadoiro como metano e dióxido de carbono.

QUE MATERIAIS SE PODEN COMPOSTAR?

Pódense botar restos da cociña como froitas e verduras, carne e peixe, pan, legumes e cereais, ovos e cunchas de moluscos, froitos secos, pousos de café e infusións, panos e papel de cociña sen tinturas. Tamén se poden botar restos do xardín e horta como follas, flores, raíces e restos das colleitas, herba e palla, restos de poda triturados, cinza e serraduras de madeira sen aditivos, papel e cartón.

contacta coa alcaldesa

A Alcaldesa comprométese a responder nun prazo máximo de 10 días.​