O goberno de Verónica Pichel impulsa a cuarta edición desta iniciativa para axudar ás familias da localidade coa conciliación
- O prazo para inscribirse ábrese este luns, 12 de decembro.
- O campamento celebrarase do 23 de decembro ao 5 de xaneiro e está dirixido a nenas e nenos de 3 a 12 anos
Forcarei (9-12-22). Despois da gran acollida de anos anteriores e debido ao empeño do goberno local por axudar ás familias coa conciliación, o Concello de Forcarei impulsa a cuarta edición do Campamento de Nadal municipal, que se desenvolverá en Soutelo de Montes e en Forcarei durante as vacacións escolares.
Así, as nenas e nenos da localidade de 3 a 12 anos poderán gozar de dúas semanas repletas de divertidas actividades durante as mañás. Este Campamento de Nadal terá lugar do 23 de decembro ao 5 de xaneiro, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas nas instalacións do Centro Social de Forcarei e do auditorio de Soutelo de Montes.
O período de inscrición abrirase o vindeiro luns, 12 de decembro, e as familias poderán presentar as súas instancias ata o 20 de decembro. As prazas son limitadas e os grupos deberán ter un mínimo de 12 nen@s.
“Non temos ningunha dúbida de que é imprescindible axudar ás familias forcaricenses a conciliar, e ter unha alternativa de ocio tan divertida e saudable para as pequenas e pequenos xa é para nós unha obriga”, manifestou a alcaldesa Verónica Pichel. Neste sentido, @s pequen@s que participen no campamento asistirán a obradoiros de manualidades, de cociña, excursións, xogos…, escribirán ás súas cartas para Papá Noel e os Reis Magos, e ata terán a súa festa de Fin de Ano.
As familias que desexen utilizar este servizo deberán cubrir unha instancia dispoñible nas oficinas do Concello. Terán que entregar tamén fotocopias de DNI, libro de familia ou documento que acredite a situación familiar, título de familia numerosa se é o caso, xustificante de ocupación laboral e documentación que acredite a mobilidade ao posto de traballo ou a non posibilidade de teletraballo. As familias que xa participaron en anteriores edicións do campamento ou no programa de Tardes de Lecer non terán que presentar toda esta documentación adicional, só a instancia. Para a adxudicación das prazas terán prioridade @s empadroad@s en Forcarei e terase en conta a situación familiar das nenas e nenos: número de membros da unidade familiar, se as nais e pais traballan, etc.