A alcaldesa constatou nunha visita ao centro de saúde de Forcarei a aparente receptividade da nova dirección da Área Sanitaria para buscar solucións as déficits do servizo no concello
A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, constatou nunha visita ao centro de saúde da localidade esta mesma semana que a precariedade da atención sanitaria no concello segue a ser unha constante, aínda que parece existir certa receptividade por parte da nova dirección da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés para abordar solucións.
Pichel solicitou onte mesmo unha reunión co novo xerente, José Flores Arias, que asumiu o cargo o pasado mes de agosto, para retomar as reivindicacións que mantiña co seu predecesor, é dicir, que se dea solución a falta dun facultativ@ no centro de Forcarei, a inexistencia de ambulancia no PAC de Cerdedo, a supresión dun médico no centro de saúde de Soutelo ou a redución das horas de prestación do servizo de Pediatría, entre moitas outras carencias.
Precisamente estes días está a notarse con contundencia o déficit na prestación do servizo, posto que ata o 19 de outubro non haberá ningún facultativo no centro de saúde de Soutelo por descanso do titular. A atención médica concentrarase en Forcarei, onde pola contra si accedeu o Sergas a permitir ao doutor retomar o servizo unha tarde á semana, a dos luns.
Este profesional entrou no seu día como interino para ocupar a praza que estaba baleira dende xuño de 2020 por xubilación dunha médica e xa a principios e ano tivera a iniciativa de ampliar as consultas durante tres tardes á semana, pero a cousa durou só un par de meses, o tempo que os responsables do servizo tardaron en decidir que non era necesario tanto esforzo para cubrilo. O pasado verán, cando igualmente unha ampliación da xornada deste facultativo podería ter paliado a situación en Soutelo ante quince días de vacacións do médico, o Sergas optou por resolver que aquelas horas de traballo extraordinario se fixeran no ambulatorio Virxe Peregrina de Pontevedra e non en Forcarei.
A alcaldesa, que mantivera unha boa relación coa anterior xerencia da Área Sanitaria a pesar da súa constante presión para conseguir frear o deterioro do servizo, confía en que a nova dirección sexa igualmente receptiva ás súas demandas pero tamén capaz de atendelas na medida en que lle corresponde e ten dereito o concello de Forcarei.