A alcaldesa responde

O próximo 7 de marzo Forcarei celebrará a XXX Xuntanza dos Maiores

O Concello de Forcarei xa ten todo preparado para
a a próxima Xuntanza dos Maiores, que se celebrará o vindeiro 7 de marzo
no Mosteiro de Aciveiro, e será gratuíta. E para conmemorar a XXX
edición da festa haberá unha madriña de excepción: a artista Pili Pampín
será a mestra de cerimonias.
A xuntanza terá lugar no marco do entroido, o venres 7 de marzo, ás 14.30
horas no Mosteiro de Aciveiro (apertura de portas ás 13.30 horas). As
persoas interesadas en asistir xa poden formalizar a súa inscrición no
Concello. Só teñen que cubrir o formulario dispoñible nas oficinas xerais
da casa consistorial ou aquí: MODELO INSCRICIÓN NA XUNTANZA DE MAIORES 2025,
e presentalo por Rexistro. O prazo para inscribirse estará aberto do 19 ao 28 de febreiro.
Haberá aforo limitado de 300 persoas.
Para poder asistir á XXX edición desta xuntanza hai que cumprir unha
serie de requisitos como estar empadroad@ no Concello de Forcarei, ser
maior de 65 anos, ou menor coa condición de pensionista, ou persoa con
discapacidade recoñecida. Como en anos anteriores, o Concello poñerá a
disposición das persoas participantes un servizo de autobús para o
desprazamento.
A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, quere animar a todas e todos os
maiores do municipio a que participen nesta festa. “Queremos que todas e
todos gocen dunha xornada inesquecible, que coman, que bailen, que
rían… Prometemos moita festa, moita troula, boa comida, un escenario
privilexiado e moitas sorpresas”, anunciou. “Celebramos trinta anos de
xuntanzas para homenaxear ás nosas e aos nosos maiores e estou
convencida de que será un éxito”, recoñeceu Pichel.

contacta coa alcaldesa

A Alcaldesa comprométese a responder nun prazo máximo de 10 días.​