A alcaldesa responde

O Concello anima a Richada de Forcarei

  • As Xornadas Gastronómicas da Richada celébranse nos restaurantes da localidade do 3 ao 6 de decembro
  • Música, xogos e moita animación completarán a oferta gastronómica

Forcarei (30-11-22). Os restaurantes de Forcarei acollen a partir do sábado unha nova edición das Xornadas Gastronómicas da Richada e o Concello ofrece unha programación complementaria para animar aínda máis a festa. Do 3 ao 6 de decembro nen@s e adult@s poderán gozar de sesións musicais, desfiles e xogos.

Os tambores inaugurarán as xornadas gastronómicas este sábado 3 de decembro cunha batucada de 13.00 a 14.00 horas polas rúas de Forcarei, no contorno dos restaurantes e na praza da Igrexa. Pola tarde (17.30 horas) terá lugar o espectáculo ‘Psychodelia’, un pasacalle cheo de cor, música, animación e interacción coa xente. E acenderase oficialmente a iluminación de Nadal nos núcleos de Forcarei, Soutelo e Cachafeiro e na aldea do Sixto, gañadora do concurso de decoración de Nadal do ano pasado.

O domingo 4 de decembro ‘Os Bolechas’ celebrarán pola mañá ‘O aniversario do Avó’ no Auditorio de Soutelo de Montes (12.00 horas), e pola tarde os ‘Trasnos tolos do Nadal’ chegarán a Forcarei cos seus traxes de led ás 17.30 horas.

O 5 de decembro, luns, terá lugar a feira mensual de Forcarei na Praza da Igrexa e o seu contorno, e haberá animación musical polas rúas e establecementos de hostalería da localidade. E o martes 6, de 12.00 a 15.00 horas, a praza da Igrexa converterase nunha fantástica área de xogos, con tirolesa de 100 metros de lonxitude e rocódromo para moz@s e adult@s, e con xincana para nen@s (de 3 a 12 anos) e familias. En caso de chuvia terá lugar no pavillón.

Nos restaurantes Victoria, Florida, París e no Bar Gran Sol as persoas asistentes ás Xornadas Gastronómicas da Richada poden reservar e degustar o menú de 20 euros composto dun entrante a elixir, richada con cachelos, bebida, sobremesa e café; e na cafetería Plaza poden pedir tamén tapas de richada.

contacta coa alcaldesa

A Alcaldesa comprométese a responder nun prazo máximo de 10 días.​