A alcaldesa responde

O Concello acomete os traballos para mellorar a presión do abastecemento de auga en Forcarei

Forcarei (21-10-22). O Concello de Forcarei está a afrontar a actuación  que permitirá mellorar o servizo de abastecemento de auga na ETAP de Forcarei, de xeito que se paliará a falta de presión que se produce en determinados momentos do ano nos puntos e plantas máis altas do núcleo urbano forcaricense. O proxecto foi adxudicado recentemente a Aqua-nor Aguas del Noroeste SL.

Os traballos inclúen a instalación dunha electrobomba xunto cun circuíto hidráulico en aspiración e impulsión, co debido interconexionado hidráulico á rede xeral e grupo hidropneumático de 300 litros, entre outros elementos.

O Concello inviste nesta intervención 27.576,32 euros (IVE incluído) e conseguiu para financiala unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia. O pasado mes de febreiro a alcaldesa Verónica Pichel levou esta iniciativa ante o pleno municipal para acadar o apoio de todos os grupos. Non obstante, PP e BNG-Foro Forcarei rexeitaron a propia urxencia da sesión plenaria, co que finalmente Pichel decidiu levar adiante a xestión sen o aval da oposición.

Esta actuación completa o proxecto de modernización do servizo de abastecemento de auga de Forcarei que o Concello iniciou coa construción da caseta de apoio na área dos depósitos (nas inmediacións do centro de saúde e do cuartel da Garda Civil) e na que se habilitou un novo sistema de decantación para mellorar a rede (instalación dunha potabilizadora compacta e tratamento da auga que implica desinfección previa, floculación, decantación, filtración e nova desinfección antes da distribución domiciliaria). Esta fase anterior financiouse con cargo a remanentes doutras liñas de subvencións da Deputación de Pontevedra.

Cando acabe a intervención, o Concello terá completo o sistema para poñer en marcha o proceso para mellorar a presión da auga e evitar a turbidez que se produce ocasionalmente no casco urbano forcaricense en xornadas de fortes chuvias e tras un período de días secos, un problema que ven de moitos anos atrás.

contacta coa alcaldesa

A Alcaldesa comprométese a responder nun prazo máximo de 10 días.​