Carmucha viviu sempre en Quintelas, na parroquia de Millerada.Esta veciña de Forcarei ten 102 anos que atesouran unha vida chea de moito e moi duro traballo.A súa nai morreu moi nova e foi ela quen criou e coidou dos seus 7 irmáns.Carmucha foi mineira antes da Guerra Civil alá polos anos 1933-1934. Baixaba á mina moitas veces e incluso baixou nas vagonetas. Di Carmucha “que aínda baixaba agora”.O metal que se extraía desta mina (Mina de Calvos) era o estaño que despois de sacalo, lavábase nos berces de madeira e vendíase ao peso en Beariz e Doade onde se chegaba camiñando. Ás veces incluso tanto para collelo na mina como para ir á venda ela ía cos rapaces no colo. A mina foi expropiada pola compañía de Gulías, nese momento empezaron a pagarlle algún pequeno salario pero non chegou a ter seguro nunca.Traballou na labranza, ía coller o toxo, picar e carrexar leña, colleitar centeo, trigo, millo e incluso traballou no coidado das vacas. Aprendeu a coser e facíao para a casa e para fora. Lembra que coseu os uniformes para que os seus irmáns foran á Guerra Civil. Eran monos feitos co tecido do seu tear.O practicante do pobo non podía vir todos os días ás aldeas a poñer inxeccións e ensinoulle a facelo. Era ela logo quen ía ás casas dos arredores a poñelas e como a penicilina tiña que inxectarse exactamente cada oito horas en moitas ocasións tiña que durmir nas casas onde a demandaban. Se tivera estudado Carmucha quixera ser médica “daríaseme ben”.Carmucha é moi afeccionada a cociñar, amasar o pan e facer as roscas. Tamén lle gustaba ir ao Cine de Soutelo.Para ela o mellor de vivir en Forcarei é a tranquilidade “sempre se estivo mellor aquí que co barullo da capital”. Fala con alegría das ruadas “De facer a rúa” festa que organizaba unha moza cada semana na súa casa ou procurando un lugar cando lle tocaba organizar. Alí podíase cantar, bailar , tocar a pandeireta e coñecer aos mozos dos arredores.Carmucha non casou porque “o mozo que eu quería non me quixo e o que me quería non o quixen eu”. A súa soltería permitiulle coidar de irmáns e sobriños o mesmo que si fosen as súas fillas e fillos. Xa desde nena coidou tamén ás crianzas do seu mestre antes de ir para a escola.Carmucha recorda momentos de alegría vividos nas festas das Dores en Forcarei, na Festa do Aciveiro onde se pasaba o día merendando na Carballeira a comida que se traía nas cestas da casa.Rexeita enerxicamente o machismo de antes, porque as mulleres dependían dos homes. Por isto recomenda as mulleres de Forcarei “que non sexan escravas nin dos traballos nin das súas parellas porque xa o fomos nos bastante” reitera coa súa extraordinaria lucidez.Tamén aconsella ás mozas que comezan a traballar que defendan os seus dereitos e que cobren igual que os homes, que non permitan que lles paguen menos por un traballo de igual valor.
Categorías
Entradas recientes
BOLSA DE EMPREGO DO POSTO DE TRABALLADOR/A SOCIAL PARA O CONCELLO DE FORCAREI.
26 de Xaneiro de 2024
Verónica Pichel anuncia unha nova edición de Tardes de Lecer
5 de Xaneiro de 2024