- As persoas interesadas xa poden realizar a inscrición no Rexistro do Concello. O prazo estará aberto ata o 7 de febreiro
Forcarei (21-01-23). O 17 de febreiro. Esa é a data escollida polo Concello de Forcarei para a celebración da súa tradicional Xuntanza dos Maiores, que se retoma neste 2023 tras varios anos de parón debido á pandemia polo covid-19, nunha edición especial polo Entroido.
A festa terá lugar o venres 17 de febreiro, ás 14.30 horas, no Restaurante París de Forcarei e será gratuíta. As persoas interesadas en asistir xa poden formalizar a súa inscrición no Concello. Só teñen que cubrir o formulario dispoñible nas oficinas xerais da casa consistorial ou na páxina web www.forcarei.gal e presentalo por Rexistro. O prazo para inscribirse estará aberto ata o martes 7 de febreiro.
Para poder asistir á XXIX edición desta xuntanza hai que cumprir unha serie de requisitos como estar empadroad@ no Concello de Forcarei ou ser emigrante con vivenda no concello ou residente no mesmo, e ser maior de 65 anos, ou menor coa condición de pensionista ou persoa con algunha discapacidade. Como en anos anteriores, o Concello poñerá a disposición das persoas participantes un servizo de autobús para o desprazamento.
A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, quere animar a todas e todos os maiores do municipio a participar nesta celebración e asegura que será unha festa moi divertida e chea de sorpresas. “Coa recuperación da xuntanza queremos agradecer e recoñecer a todas as persoas maiores de Forcarei o seu traballo e o seu esforzo, e especialmente a súa fortaleza durante a pandemia polo covid, pois desde logo foi unha época moi dura e moi difícil que oxalá quedara xa atrás”, manifestou. Neste sentido, Pichel móstrase moi optimista respecto á festa: “Queremos que as nosas e os nosos maiores o pasen en grande e estamos preparando unha xornada de entroido e convivencia repleta de boa comida, moita música, regalos e sorpresas, na que tamén haberá un oco para celebrar San Valentín”.