A alcaldesa responde

Forcarei adxudica as obras para mellorar a estrada de Quintillán

Forcarei (22-10-22). O Concello de Forcarei acaba de adxudicar inicialmente os traballos para mellorar a estrada do lugar de Quintillán e as súas marxes. A empresa Oresa Construcción y Servicios Globales SL presentou a oferta máis vantaxosa das cinco que acudiron ao proceso de licitación. Concretamente fixo unha oferta de 89.405,27 euros (IVE incluído), cunha rebaixa de 17.795,29 euros (con IVE) sobre o orzamento base.

Os traballos, promovidos polo Concello de Forcarei, serán financiados integramente pola Deputación provincial de Pontevedra a través do Plan Concellos.

Actualmente esta vía presenta mal estado pola existencia de dous canos que se atopan moi deteriorados, con risco de afundimento, pola falta de elementos de protección para impedir as caídas de auga, e pola mala situación do pavimento, con zonas onde se está disgregando e con fochancas que van aumentado co paso dos vehículos.

As obras proxectadas abranguen unha superficie de calzada de 7.355 m2 nos que se realizarán dous tipos de actuacións no firme. Nunha área de 4.080 m2 levarase a cabo un varrido do mesmo con medios mecánicos, o arranxo de fochancas previo nas zonas que corresponda e a extensión de 5 cm de mestura bituminosa en quente. Nos 2.275 m2 restantes executarase un escarificado superficial e a extensión de 15 cm de macadam con pedra e, sobre esta base granular, realizarase un tratamento semiprofundo bituminoso para estender unha nova capa de firme.

Está prevista tamén a limpeza de foxos, a construción dunha cuneta de formigón e a limpeza de cinco canos atascados. Ademais repararanse as embocaduras de dous canos con tubo de formigón de 1.000 mm de diámetro e reforzarase un tubo transversal ao longo de 4 metros. Nos dous canos instalaranse diferentes barreiras metálicas de protección. Colocarase tamén un tubo de formigón de 40 cm de diámetro ao longo de 10 m de lonxitude sobre soleira de formigón. Finalmente, reporase a xunta de dilatación da ponte que se atopa na zona de actuación, actualmente en moi mal estado.

contacta coa alcaldesa

A Alcaldesa comprométese a responder nun prazo máximo de 10 días.​