A alcaldesa responde

Comezan os traballos de mellora da estrada entre Valadares e A Lagoa, en Meavía

O Concello de Forcarei inviste nestas obras 108.952,60 euros

A alcaldesa Verónica Pichel visitou a área da actuación con responsables da empresa e da dirección de obra para supervisar no terreo diferentes aspectos do proxecto

O Concello de Forcarei acaba de iniciar os traballos que mellorarán a estrada entre Valadares e A Lagoa, na parroquia de Meavía, na que os operarios da empresa Marconsa, adxudicataria do proxecto, xa están realizando tarefas de limpeza e roza para despexar toda a área de actuación.

A alcaldesa Verónica Pichel visitou a zona acompañada de responsables da empresa e da dirección de obra para supervisar no terreo varios aspectos do proxecto e falar con algúns veciños que se verán afectados puntualmente durante o desenvolvemento das obras. O Concello de Forcarei inviste nesta importante actuación na parroquia de Meavía un total de 108.952,60 euros.

Actualmente o firme desta estrada atópase en mal estado, con zonas nas que existen importantes desniveis e con materiais disgregados que supoñen un risco para os vehículos que circulan por esta estrada e para peóns. Ademais hai varias áreas onde é preciso mellorar a canalización das augas, que agora aumentan o desgaste da vía e provocan fochancas e problemas de estabilidade na calzada.

Os traballos levaranse a cabo ao longo de 1.440 metros, cun ancho medio de 4,80 metros. Repararase a superficie con diferentes tipos de traballos, estenderase unha nova capa de firme e limparanse tamén os foxos con motoniveladora ao longo da estrada.

Así mesmo, na zona Sur construirase un muro de mampostería de pedra granítica para resolver a saída de auga dun cano que na actualidade verte cara o foxo de terra e que provoca danos na calzada. A auga canalízase a través dun foxo de formigón e condúcese ata un tubo existente para a súa evacuación na outra marxe da pista. Esta conexión realizarase a través dunha arqueta con reixa.

Colocarase tamén unha tubaxe en gabia e recuberta de formigón, no acceso ás instalacións situadas na marxe dereita cara o Sur, unha intervención que permitirá unha mellora para as manobras de camións.

contacta coa alcaldesa

A Alcaldesa comprométese a responder nun prazo máximo de 10 días.​