Castro de As rodeiras de Garellas
Os castros foron aldeas fortificadas. Adoitaban estar situados en outeiros ou lugares singulares, así podían ver quen se achegaba e dominaban ríos e camiños. Estaban protexidos por unha ou varias liñas de muros, parapetos e foxos. Ao Castro entrábase, cando menos, por unha porta (como a atopada hai pouco nas Rodeiras). Ao carón da porta ás veces había estatuas de pedra.
No ano 2023 realizouse unha recollida da memoria e as lendas entorno a este Castro que se pode visualizar no seguinte video.
As vivendas
As vivendas adoitaban ser circulares pero tamén hai moitos exemplos con forma rectangular e oblonga. Nun principio as paredes estaban construídas con zócalos de pedra, palla e barro e posteriormente por cachotes. Os teitos facíanse cunha estrutura de madeira e palla de cereal.
Estas casas tiñan fornos, muíños, pías para os animais… O chan normalmente era de terra.
A vida nos castros
As xentes dos castros bebían auga, cervexa, leite … e comían cereais, carne, peixe, incluso marisco se estaban achegados ao mar. lsto sábese polos restos de ósos, espiñas e cunchas que atopan os arqueólogos/as nos chamados cuncheiros.
Vestían roupas de pel e tecido que elas e eles mesmos confeccionaban. Usaban saias, pantalóns, capas e mantos. Algúns afeitábanse con alfaias de ouro!!. Hoxe en día podemos ver obxectos marabillosos da cultura castrexa nos nosos museos.
os oficios da época
Dominaban a metalurxia perfectamente e facían ferramentas e obxectos de uso diario como coitelos, anzois, fouciños, cuneas, fibelas para as roupas, pesos para as redes … Os guerreiros castrexos tiñan espadas, machados e lanzas que fabricaban con bronce ou ferro, e pequenos escudos redondos.
O traballo de cantería era moi bo xa que levantaban muros e portas enormes, casas, muíños e incluso tallaban cabezas humanas e de animais, guerreiros enormes, adornos con forma de espiral, de trisquel ou xeométricos para as casas.
En cerámica creaban cuneas, vasillas, potiños e olas, ás veces, con decoracións sorprendentes. Tamén construían obxectos de todo tipo en madeira. Facían os muíños con dúas pedras, unha máis ben plana onde se esmagaba o grao coa outra pedra que tiña forma de rolo.
As xentes que habitaban nos castros relacionábanse e comerciaban entre elas e con outros pobos como os fenicios ou os romanos.
O Castro de As Rodeiras de Garellas
Descrición
Poboado fortificado da ldade do Ferro situado no cumio dun pequeno outeiro, que domina a aldea de Garellas dende o leste.
O xacemento componse dun recinto principal ou croa de forma oval coa entrada principal ao Sol. Esta, ábrese a un pequeno antecastro. Un foxo duns 6 m. de anchura defende o sector leste e norte da croa. Este sistema defensivo compleméntase coa presenza de fortes terrapléns todo arredor do recinto principal, que acadan a súa maior altura no sector oeste. Ao leste apréciase un terraplén de 12,5 m. e un parapeto de 4 m.
Dimensións do castro
Eixo maior (N-5) 85 m. Eixo menor (L-O) 65 m.
destrucións
Aínda que o xacemento se atopa aparentemente en bo estado, débese resaltar que nos anos 90 do século XX se apreciaban remodelacións na croa resultado de escavacións furtivas. Asemade, recentemente tivo alí un campo de fútbol.
Localización Do castro
Provincia: Pontevedra.
Concello: Forcarei.
Parroquia: Millerada (San Mamede).
Lugar: Garellas
Altitude: 655 m.s.n.m.
CLAVE DE IDENTIFICACION: GA36018007
A ESCAVACIÓN ARQUEOLÓXICA
Por primeira vez fíxose unha escavación arqueolóxica no castro das Rodeiras – castro de Garellas no mes de novembro de 2020. Durante os 10 días que duraron os traballos de escavación, abríronse 4 sondaxes: 3 no recinto superior ou croa e 1 na entrada, no sistema defensivo do antecastro (terreo anexo ao castro, disposto a xeito de socalce e con forma semicircular).
Descubrimos un burato moi grande escavado no substrato que contiña fragmentos de cerámica dun forno.
Descubriuse tamén un potiño de cerámica que ata agora nunca se atopara un igual, cunha decoración con bandas verticais estriadas e liñas horizontais, así como outros.
O castro non deixou de sorprendernos e o derradeiro día de traballos localizamos unha moa dun muíño para moer cereal.
Por último, descubrimos os restos de pedra que formaban parte da porta de entrada do castro, á que se accedía por unhas escaleiras.
Grazas a este traballo podemos saber con certeza que fai uns 2.200 anos había nenas e nenos, xogando no que logo se chamou o castro da Rodeira ou de Garellas. O que non sabemos é como lle chamaban elas e eles …
FOLCLORE
- Cóntase que ten un túnel que vai ata o castro de Sanguñedo.
- Disque ás veces aparece unha galiña que leva uns pitos de ouro que desaparecen ao intentar collelos.
- Tamén se contaba que vivían alí mouros e que marcharon á guerra e algúns quedaron alí escondidos.
- Outra lenda di que na gabia que rodea o castro hai tres vigas, unha de ouro, outra de prata e outra de “alcatrán”.