Camiño Vreeiro
Na comarca existen fermosos emprazamentos naturais, lugares tan anónimos coma omnipresentes, nunha terra onde cada sendeiro, cada verea, son en si mesmos obras de apreciable beleza onde antano se combinaron e irmandaron perfectamente a pródiga nai natureza e maila sabia e respectuosa man do home da aldea.
Un sendeiro, fillo da tradición e da historia miúda deste país de oficios, é o coñecido coma “Camiño Vreeiro”
Esta ruta, tamén chamada “dos arrieiros” xerouse na Idade Media coma alternativa ás rutas que atravesaban espazos de maior densidade demográfica, co fin de fuxir das portaxes e outros impostos comerciais. Subía practicamente dun tirón desde o Ribeiro ata Santiago, sen apenas ramais secundarios, e penetraba na comarca de Montes pola freguesía bearicense de Doade, despois de transitar 20 quilómetros por unha diagonal que separaba os dominios dos mosteiros de Melón e Acibeiro.
Atravesaba as paraxes do Porto de Rodeiro, Laxa Blanca e Portela da Cruz, na serra do Suído, e un dos escasos ramais levaba á ermida da cima de Santo Domingo. Tras pasa-la ponte románica de Ricobanca, a carón dun fermoso exemplar de muíño con teito de pedra de cantería, dirixíase ó monte Seixo e posteriormente ó val de Alfonsín (Presqueiras), seguía por San Miguel, Morgade e Folgoso, cruzando o Lérez pola Ponte Parada, subindo por Lama Ferrada á zona de Santa Mariña de Castrelo, onde se conserva en bo estado a lanzal Torre de Alarma da Barciela, do século XV. Pasaba, no tramo final de Terra de Montes, por Vieiro (outro topónimo vencellado etimoloxicamente ó propio camiño), Liñares, Mámoa, Cima da Costa, as Baiucas, Quintillán, Rúa, Cruceiro e Fonte Blanca.
Na Mámoa (Castrelo) existe un campo con máis de 20 túmulos ó lado deste antigo camiño.
O Camiño Vreeiro está aínda por sinalizar, e o seu percorrido, duns 20 quilómetros, atravesa de sur a norte a Terra de Montes. É, ademais, a vía por onde se xerou o prato típico da gastronomía de Forcarei, a Richada.