A alcaldesa responde

Arrancan as obras de mellora da estrada de Quintillán

  • O Concello de Forcarei inviste nesta actuación preto de 90.000 euros

Forcarei (9-12-22). Operarios de Oresa Construcción y Servicios Globales SL acaban de iniciar as obras que permitirán mellorar a estrada do lugar de Quintillán e as súas marxes. A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, reuniuse hai uns días cos responsables da empresa construtora e da dirección de obra para analizar sobre o terreo as necesidades concretas da actuación que acaba de comezar.

O Concello de Forcarei inviste nesta actuación un total de 89.405,27 euros (IVE incluído), que son financiados integramente a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A empresa que resultou adxudicataria no proceso de licitación ofreceu unha rebaixa de 17.795,29 euros sobre o orzamento base.  

A día de hoxe esta estrada atópase en mal estado pola existencia de dous canos que están moi deteriorados, con risco de afundimento, pola falta de elementos de protección para impedir as caídas de auga e pola mala situación do pavimento, con zonas onde se está disgregando e con fochancas que van aumentado co paso dos vehículos.

As obras proxectadas abranguen unha superficie de calzada de 7.355 m2 nos que se realizarán dous tipos de actuacións no firme. Nunha área de 4.080 m2 levarase a cabo un varrido con medios mecánicos, o arranxo de fochancas previo nas zonas que corresponda e a extensión de 5 cm de mestura bituminosa en quente. Nos 2.275 m2 restantes executarase un escarificado superficial e a extensión de 15 cm de macadam con pedra. Sobre esta base granular, realizarase un tratamento semiprofundo bituminoso para estender unha nova capa de firme.

Está prevista tamén a limpeza de foxos, a construción dunha cuneta de formigón e a limpeza de cinco canos atascados. Ademais repararanse as embocaduras de dous canos con tubo de formigón de 1.000 mm de diámetro e reforzarase un tubo transversal ao longo de 4 metros. Nos dous canos instalaranse diferentes barreiras metálicas de protección. Colocarase tamén un tubo de formigón de 40 cm de diámetro ao longo de 10 m de lonxitude sobre soleira de formigón. Finalmente reporase a xunta de dilatación da ponte que se atopa na zona de actuación, actualmente en moi mal estado.

contacta coa alcaldesa

A Alcaldesa comprométese a responder nun prazo máximo de 10 días.​