A alcaldesa responde

ABCR laboratorios proxecta ampliar en 15.000 M2 as súas instalacións en Forcarei

➡️ A compañía quere empezar a producir no concello forcaricense 1.000 toneladas anuais de siliconas e crear entre 30 e 50 novos empregos

➡️ A alcaldesa Verónica Pichel comprometeu toda a colaboración municipal ao CEO e socio fundador da compañía, Benigno Arén, quen lle trasladou a súa firme intención de adquirir tres novas parcelas no polígono industrial de Vilapouca

ABCR Laboratorios, unha das empresas máis punteiras de Forcarei, quere crecer e consolidarse no concello. Así llo trasladou recentemente nunha reunión o CEO e socio fundador desta compañía, Benigno Arén, á alcaldesa Verónica Pichel.

Concretamente, Arén transmitiu a intención da compañía de adquirir tres novas parcelas no polígono industrial de Vilapouca, sumando así preto de 15.000 novos metros cadrados ás instalacións que xa posúe no lugar e nas que traballa dende hai case 12 anos.

A alcaldesa Verónica Pichel ofreceulle toda a colaboración municipal para axilizar o proceso de adquisición destas fincas e que esta ampliación sexa pronto unha realidade. “É moi satisfactorio que empresas tan importantes e punteiras como ABCR Labs aposten pola terra, polo concello de Forcarei, para desenvolver os seus plans de futuro, e por suposto poden contar coa nosa colaboración para materializalos”, apuntou Pichel.

Pola súa banda, Arén explicou que a compañía química quere ampliar a súa capacidade produtiva en Vilapouca coa posta en marcha dunha nova nave de produción, dous almacéns e talleres de apoio, co obxectivo de poder producir 1000 toneladas anuais de siliconas.

Ademais, esta importante ampliación permitiría crear entre 30 e 50 novos empregos no concello de Forcarei. Actualmente a empresa da traballo a preto de 70 persoas e conta tamén cun equipo de bolseir@s e persoal en prácticas para profesionalizar a súa formación.

Por outra banda, unha das necesidades que levaba arrastrando dende 2010 esta empresa que traballa a nivel internacional e que favorecerá a súa expansión é a instalación de fibra óptica no polígono. Verónica Pichel insistiu neste asunto e reclamou axilidade para que fora unha realidade dende que chegou a Alcaldía. Despois de moitas xestións xa está montada a instalación e os cadros, e o vindeiro 11 de maio estará activa para todas as canles de comercialización.

contacta coa alcaldesa

A Alcaldesa comprométese a responder nun prazo máximo de 10 días.​