FORCAREI QUERE QUE O ESPÍRITO DE NADAL INUNDE TODAS AS ALDEAS DO CONCELLO
Verónica Pichel anuncia a convocatoria do IV Concurso de Decoración de Nadal. Haberá premios para dúas categorías, aldea e vivenda particular
A alcaldesa do concello de Forcarei, Verónica Pichel, acaba de anunciar a convocatoria do IV Concurso de Decoración de Nadal, que premiará as mellores ambientacións de aldeas e tamén de vivendas particulares, e co que pretende fomentar o espírito de Nadal e a convivencia por todos os lugares do concello.
“Sabemos que hai veciñas e veciños que xa están a traballar na confección de adornos festivos para embelecer as súas aldeas, polo que animamos a toda a veciñanza a que participe nesta cuarta edición do concurso”, manifestou Pichel, ao mesmo tempo que agradeceu “a implicación, a creatividade e o esforzo que moitas persoas realizan ano tras ano para amosar creacións realmente fermosas e orixinais que contribúen ao éxito da convocatoria”.
As persoas interesadas en participar no certame ‘Decora a túa aldea’ poderán realizar as inscricións dende o 6 de novembro ao 16 de decembro de 2024, chamando ao Concello (986 75 50 36) ou enviando un correo electrónico a alcaldia@forcarei.gal, e indicando no asunto ‘Decora Nadal’. Os premios inclúen a iluminación de Nadal para o próximo ano para a aldea gañadora na categoría colectiva e unha cesta de produtos para a categoría familiar.
As propostas de decoración deberán estar expostas a partir do 21 de decembro e ata o 6 de xaneiro. O Concello de Forcarei elaborará un listado d@s participantes para que toda a veciñanza poida visitar as diferentes ambientacións. Contémplase que a proposta gañadora non poderá ter recibido o primeiro premio na edición anterior do certame para fomentar que novas aldeas se sumen ao concurso.
Na valoración para decidir as aldeas e familias gañadoras, o xurado terá en conta o deseño, a orixinalidade, a iluminación e a utilización de materiais reciclables. A entrega de premios está prevista para o 8 de xaneiro.
Na última edición Outeiro, en San Miguel de Presqueiras, foi a aldea gañadora na categoría colectiva. A veciñanza transformou por completo cada recuncho da aldea para construír un auténtico poboado de Nadal que impresionou a todos os visitantes. Tamén participaron O Sixto (Pardesoa), que foi gañadora da primeira edición do concurso, San Marcos (Pardesoa), O Forno (Aciveiro) e Gaxín (Forcarei).
O goberno local entende que este concurso axuda a dinamizar a participación activa da poboación e fomenta a cooperación e o traballo en común. “É moi reconfortante comprobar como as familias e a veciñanza se unen para traballar para que as aldeas estean máis fermosas aínda durante o Nadal”, manifestou Pichel. “Máis alá de conseguir o premio, moitas persoas séntense orgullosas do traballo realizado, de ver as súas aldeas máis bonitas e de recibir visitas da veciñanza que quere ver as decoracións durante o Nadal”, sentenciou.